luns, 20 de abril de 2015

Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela


Cando en 1157 morreu Afonso VII de León e Castela, os seus reinos foron divididos entre os seus fillos. Fernando II, que fora educado en Galicia baixo a tutela da poderosa casa de Traba, recibiu como herdanza o trono de León e Galicia, e destacou durante o seu reinado na defensa da independencia do seu reino fronte a Castela e o recén emancipado reino de Portugal. Dentro desta política, Fernando II, a quen as crónicas alcuman como Emperador de Galicia, favoreceu a sede episcopal de Santiago de Compostela fronte a diócese rival de Toledo, que se atribuía a supremacía da igrexa hispana. A tal fin, fundou en 1170 a orde dos cabaleiros de Santiago, e conseguiu en 1179 que o papa Alexandre III confirmara mediante unha bula a indulxencia dos pecados de quen visitase a tumba do apóstolo Santiago durante os anos declarados Santos. Todo un acicate a un santuario que, xunto con Roma, había de ser a máis importante meta dos pelegríns de toda Europa.

Pero sobre todo, Fernando II deu novo pulo ás obras da catedral, aínda sen rematar a falta da fachada e das torres. Por iso, o propio rei contratou (ou confirmou na obra) ao que quizais era o mellor artista do seu tempo, o Mestre Mateo, pagándolle unha pensión vitalicia de dous marcos de prata á semana. Pouco máis sabemos deste home, aparte de que ben valeu o que gañou. Mateo debeu resolver o problema do acusado desnivel entre o chan da igrexa xa construída e a actual praza do Obradoiro. Para iso, ergueu un nartex elevado sobre unha cripta, e cubriu estas estructuras con bóvedas de crucería, a novidosa técnica que xa se estaba a empregar nos primeiros edificios do “estilo novo”, que era como entón se chamaba ao gótico. E nese nártex, sobre a cripta, Mateo instalou a porta maior da catedral, o chamado Pórtico da Gloria, sen dúbida a obra cimeira da arte románica en Europa.

As máis de duascentas estatuas que compoñen o pórtico ilustran e resumen os medos e as esperanzas que moldeaban a fé dos homes e mulleres do século XII. Os grandes portais esculpidos eran concebidos como un catecismo ilustrado no que as xentes (xeralmente iletradas) podían recoñecer as ensinanzas que recibían dentro do templo, pero non só iso. O Pórtico da Gloria é un tratado de teoloxía medieval. Cada figura e a súa posición na portada ten un sentido, segue o que os historiadores chaman un programa iconográfico, son parte dun código que expresa unha mensaxe complexa chea de sutilezas doutrinais. Tense dito de maneira bastante simple que o Pórtico da Gloria representa a visión apocalíptica do xuicio final. En realidade, a portada ten unha lectura moito máis profunda e trascendental. Celebra, como indica o seu nome, a gloria de deus no seu reino celeste, pero tamén relata a alianza de deus coa humanidade ao longo da historia e a súa promesa de redención.

No pórtico hai unha gradación xerárquica, de abaixo arriba, dende o mundano ao celestial. Todo o portal está asentado nun zócolo decorado con animais arrepiantes: aguias, leóns, osos, e bestas híbridas, interprétanse coma símbolos dos pecados dos homes, vencidos e esmagados pola chegada do reino de Cristo. Sobre este basamento érguense as columnas dos derrames, decoradas con cadansúa estatua de pé sobre os capiteis. A porta central amosa á esquerda catro profetas maiores, Moisés, Isaías, Daniel e Xeremías, recoñecibles polos seus atributos e polos carteis que sosteñen. No lado da dereita, temos catro apóstolos, Pedro coas chaves, Pablo, Santiago o menor e Xoán. Hai un certo paralelismo entre os personaxes dun lado e outro da porta. Moisés e Pedro foron guías de Israel e da Igrexa respectivamente. Isaías e Pablo anunciaron e proclamaron ao Mesias. Daniel e Santiago foron martirizados. Xeremías e Xoán tiveron visións paralelas, pois un anunciou a destrucción de Xerusalén e o outro o fin do mundo. Baixo os arcos laterais hai tamén, nas parellas de columnas que os sosteñen, profetas e apóstolos, de identificación máis dubidosa (posiblemente Abdías, Amós, Oseas, e Xoel, baixo o arco esquerdo, e Andrés, Felipe, Bartolomé e Tomé baixo o dereito). Apóstolos e profetas actúan como intermediarios entre Deus e os homes, polo que ocupan un chanzo intermedio, entre o zócolo (o pecado) e a parte superior do portal, o espazo reservado á divindade.

Asemade seguindo a división da Biblia en Antigo e Novo Testamento, separados pola chegada de Xesucristo, tamén o pórtico está ordenado en dúas metades coa figura central de Cristo como eixo, o Antigo Testamento na esquerda e o Novo Testamento á dereita. O arco da esquerda conta con dúas arquivoltas que descansan en cadansúa columna. Na arquivolta superior, hai unha serie de figuras atrapadas por un groso baquetón, a modo de soga: son as tribos de Israel, sufrindo o cativerio, ou ben aflixidas polo pecado orixinal. Na arquivolta inferior, asomando entre unhas grandes e carnosas follas, pódense ver as cabezas de Adán e Eva, Moisés, Aarón, David, Abraam, Isaac e Xacobe, personaxes con quen Iavé establece ou renova a súa alianza coa humanidade, moitos con coroas na cabeza para realzar a súa dignidade. En conxunto, a porta da dereita representa a humanidade baixo a Antiga Lei.

O arco da dereita é unha representación do xuicio final. No centro de cada arquivolta hai dúas cabezas, a de arriba con barba, e a de abaixo imberbe, que sosteñen en cada man un rolo de pergamiño. Representan a Deus, pai e fillo, cos evanxeos. Á súa dereita, uns anxos de gran estatura levan no colo, de dous en dous, as ánimas dos inocentes, representadas como nenos cativos e espidos, que se abrigan baixo o seu manto protector. No outro lado, uns diaños de aspecto aterrador devoran as ánimas dos condenados coas súas arrepiantes fauces como castigo dos seus pecados. O arco representa o futuro que agarda á humanidade conforme os seus actos.

O eixo da porta está protagonizado por Xesucristo. O parteluz representa o nexo que une a Xesús coa terra, co seu aspecto humano. Na súa base, unha cabeza con barba abraza a dous leóns, e representa probablemente a Noé, de quen descende a humanidade. Sobre el parte o fuste, primorosamente labrado como unha árbore na que se enredan diferentes personaxes. Representa a árbore de Xesé, a xenealoxía de Cristo, que comeza con Xesé, pai do rei David, ata chegar a Xosé. Coroando o parteluz, un capitel historiado amosa as tentacións de Xesucristo, suliñando o seu carácter humano. Seguindo o costume, o parteluz tamén é o lugar elixido para ubicar a figura do santo patrón da Igrexa: Santiago, ao mesmo nivel que os profetas e apóstolos, quen aparece sentado, co caxato na man, recibindo aos pelegríns que se achegan ao seu templo.

E sobre todo isto, o gran arco central, a gloria de Deus, a Xerusalén celeste, o reino dos ceos, presidido pola xigantesca figura de Xesucristo, sentado no seu centro. Levanta as súas mans abertas amosando as feridas da crucifixión, como querendo demostrar que resucitou entre os mortos, e ofrecendo a resurrección como promesa. Aos lados están os catro evanxelistas, os encargados de deixar fe das súas palabras, e que están utilizando como mesa para escribir os evanxeos aos tetramorfos, as catro formas que se identifican con cada un deles, Xoán coa aguia, Marcos co león, Lucas co touro, e Mateo, que se identifica cun home, leva un simple cofre. Na parte inferior do tímpano, unha procesión de anxos leva os instrumentos da paixón de Cristo (a cruz, a columna na que o azoutaron, a coroa de espiñas, a lanza, os cravos...), redundando na idea da resurrección e da expiación do pecado que Cristo fixo co seu sacrificio. Nos ocos que quedan a un lado e outro, amoréase a “turba incontable” dos escollidos, vestidos de branco, rezando e cantando. No gran arco, rodeando todo, están sentados os vintecatro anciáns que cita o Apocalipse adorando a Deus no seu trono. Levan botellas de perfume que simbolizan as oracións dos homes, e instrumentos musicais que afinan mentres latrican amigablemente entre eles. Conforman unha sorte de orquestra sinfónica medieval, coas súas cítaras, violas, salterios, harpas e unha peculiar zanfona, o organistrum, que os anciáns da clave tocan a catro mans. Unindo os arcos laterais co arco central, nas enxutas, uns anxos levan as ánimas dos xustos para que participen neste coro de santos. Non é un xuízo final, senón un concerto de música celestial. Mateo non esculpe un pantocrátor severo, xulgando co dedo ameazante, senón máis ben un director de orquestra presidindo unha sinfonía.


O pórtico amosa en común con outras obras do románico a tendencia a ateigar de decoración esculpida todo o espazo dispoñible, ao horror vacui, á adaptación das figuras ao marco arquitectónico, á simetria que ordena toda a composición, á xerarquización das figuras polo seu tamaño e a súa posición sen atender aos cánones e leis da proporción. Pero por outra banda, hai moito de novidoso no estilo destas figuras. A maioría sobresaen do marco para converterse case en figuras de vulto redondo, dotándose de corpo e de volume. As súas proporcións son máis naturais, e os seus rasgos son menos convencionais. Hai unha clara intención de individualizar cada personaxe, de darlle mesmo unha personalidade e un carácter propio, fuxindo do hieratismo para dotarse de expresión, algo que é evidente no coñecido sorriso do profeta Daniel. Ademais, as figuras abandonan a frontalidade. Os profetas e apóstolos, cada un dende a súa peana, parecen relacionarse, míranse entre eles, coma se falaran polo baixo. E os anciáns que tocan a música da gloria xíranse, móvense, axéxanse uns a outros como para asegurarse que todos afinan na mesma nota e levan o mesmo compás. Hai unha vocación de realismo, de verismo, que se suliña coa policromía que orixinalmente cubría todas as figuras, hoxe esvaecida co paso e a poeira dos séculos. Todo isto anticipa o que será característico do naturalismo do periodo gótico, que para cando o pórtico se está a rematar, no ano 1188, xa comeza a desenvolverse no norte de Francia, deixando anticuada a simplicidade e o convencionalismo inxenuo das vellas estatuas románicas. Sen embargo, o pórtico da gloria resistiu o embate das modas coa súas figuras cargadas de solemne dignidade, provocando a admiración das xeracións vindeiras. Disque o mestre Mateo autorretratouse na estatua que, tras o parteluz, mira cara o altar con aire orgulloso, sostendo o cartel que o identifica como arquitecto. A tradición popular quixo que quen se dese tres croques contra a cabeza do “santo”, recibiría parte do seu xenio. Certo ou non, é a maneira coa que o pobo galego quixo rendir homenaxe a un dos artistas máis sobranceiros de todos os tempos, e do que a penas coñecemos o nome.

Ningún comentario:

Publicar un comentario