A principios do século XV Florencia
era unha das cidades máis opulentas de Europa. A urbe prosperara
grazas á fabricación e o tratamento de panos. Aquí chegaban
remontando o río Arno, a lá, os panos bastos, e o alumbre de
oriente que se usaba para tinguilos. Nos obradoiros da cidade a lá
era tecida, e os panos abatanados a acondicionados para reexportalos
ao resto de Europa. Unha de cada 10 pezas de tea que circulaban polo
continente na Idade Media saía das mans dos artesáns florentinos.
Os beneficios deste comercio e a riqueza acumulada estimularon o
crecemento da banca, e a moeda da cidade, o florín de ouro, era unha
das divisas máis apreciadas polos comerciantes de medio mundo. Os
burgueses controlaban tamén o goberno da cidade, unha sorte de
república oligárquica, independente e orgullosa do seu poder e da
súa fortuna.
Sen embargo, toda esta opulencia
contrastaba coa lamentable parálise das obras da súa catedral, o
edificio chamado a ser o símbolo do poder e do xenio da cidade. O
gran templo comezárase a levantar en 1296, había máis de cen anos,
e aínda non tiña resolto o problema da cuberta do seu cruceiro.
Inicialmente estaba previsto edificar unha cúpula, pero as sucesivas
ampliacións do proxecto inicial converteron isto nun reto case
imposible: un espazo octogonal de 45 metros de largura. Por forza,
aquela cúpula habería de ser a máis grande do mundo.
Así que en 1418, os responsables da
obra deciden convocar un concurso para outorgar o proxecto, coa
promesa dun premio de 200 floríns de ouro. Segundo as crónicas,
moitas das propostas eran insensatas, como correspondía a aquel reto
inconcebible. O gran problema era construír as cimbras e os andamios
precisos para soster a cuberta durante a construcción dende unha
altura de 55 metros, Un propoñía apoiar a cúpula nunha gran
columna central, outro nunha montaña de terra mesturada con moedas,
para que fosen os pobres de Florencia os que a retirasen ao rematar a
obra. De todos os arquitectos destacaban dous: Lorenzo Ghiberti, e
Filippo Brunelleschi. Ghiberti vencera a Brunelleschi no concurso
polo que se asignara a decoración en relevo das portas do Batisterio
de Florencia, o que acabou envenenando a relación dos dous artistas.
Brunelleschi venceu desta vez por pouco, máis que nada porque
prometeu a solución máis económica: unha cúpula autoportante, que
puidera construírse sen cimbras, senón apoándose sobre si mesma a
medida que se edificaba.
Brunelleschi levou a cabo o seu
proxecto con gran segredo. A rivalidade entre os artistas
florentinos, en especial con Ghiberti, alimentaba a súa desconfianza
e o medo a que alguén roubase as súas ideas. Toda esta cautela fixo
que aínda hoxe descoñezamos moitos detalles técnicos da
construcción. Brunelleschi supervisou persoalmente todos os aspectos
dunha obra que habería de ser o centro do resto da súa vida.
Supervisaba meticulosamente a calidade dos materiais, deseñaba
guindastres e enxeños para levantalos ata o máis alto do edificio,
e impuxo protocolos de seguridade laboral para os albaneis que debían
traballar nas alturas, como prescribir que se lles botara auga no
viño, para que non andaran mareados antes de subir ao andamio, o que
case lle custou unha folga. Todo pasaba baixo a súa meticulosa
inspección.
Brunelleschi pasara unha longa tempada
en Roma, onde visitou e estudou moitos dos seus venerables edificios,
entre eles o Panteón. Pero en Florencia non podía facer unha cúpula
circular, poir a cuberta estaba condicionada pola forma octogonal do
tambor. Brunelleschi opta por seguir solucións que son máis ben
propias da arquitectura do gótico: apoia toda a estructura en oito
grandes segmentos de arco reforzados en pedra que, partindo de cada
vértice do tambor, debían confluír no centro, como unha xigantesca
bóveda de cruzaría. Esta armadura estaba unida entre si por unha
reticula de riostras que unen e atirantan estes nervos ou arcos, e
que configuran o esquelete da estructura. Ademais, non fai unha
bóveda semiesférica, senón apuntada (o radio da bóveda non é o
da base, senón 4/5 do diámetro). Desa maneira privilexiaba a carga
vertical da bóveda sobre os empuxes laterais, dándolle máis
estabilidade, e ademais, disminuía a inclinación máxima que as
fiadas de tixolos debían acadar no centro da bóveda a uns 60º,
facendo máis viable traballar sen cimbras nin soportes adicionais.
Para alixeirar o peso da estructura, Brunelleschi non pensou nunha cúpula maciza, senón nunha dobre cúpula, ou dúas cúpulas concéntricas. A interior, máis grosa, debía servir de apoio á exterior, máis apuntada, e que dalgunha maneira contribuía a estabilizar os empuxes centrífugos da cuberta. Brunelleschi buscou materiais lixeiros cos que construír ambos os dous casquetes. Nos primeiros metros construe os aneis da cúpula en pedra, pero logo emprega tixolos de barro vermello, dispostos nun tipo de aparello que xa empregaran os romanos e que Brunelleschi observara nas súas pescudas polas ruínas romanas: o opus spicatum. Tal cousa consistía en dispoñer a treitos regulares tixolos verticais alternando coa normal disposición horizontal, conformando unha trama que lembra a unha espiga ou unha espiña de peixe, (de aí o nome). O resultado é que mentres os tixolos horizontais forman fiadas que orientan o seu peso cara abaixo, os tixolos verticais forman bandas oblicuas no paramento que desprazan estas cargas internas do muro cara os nervos das esquinas, coma se todo o peso da obra se torsionara xirando como nunha gran hélice. Desa maneirar eforzábase o carácter autoportante da cúpula dándolle a toda a súa estructura maior coherencia e solidez.
Brunelleschi planeou unha airosa linterna, un templete en mármore, que cubrise o oco central da cúpula permitindo o paso da luz. Ao pouco tempo de comezar as obras da mesma, en 1446, levouno a morte, aínda que o arquitecto puido celebrar o éxito da súa obra. Os florentinos premiaron o seu xenio e determinación sepultando o seu corpo na cripta da catedral, baixo a obra á que dedicara a súa vida. A cúpula de Santa María del Fiore, a maior do mundo cando se rematou, é o resultado dunha afortunada combinación dos achados arquitectónicos do gótico con técnicas constructivas inspiradas na antiga Roma, pero sobre todo simbolizou a confianza do artista do Renacemento para renovar, e mesmo superar, os fitos da arquitectura clásica dende presupostos propios. Florencia podía presumir por fin dun monumento en consonancia co seu esplendor, grazas esta maxestuosa mole, flotando coma un xigantesco barco enriba do mar de tellados da vella cidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario