En 1459,
Cosme de Médicis, o personaxe máis poderoso da poderosa cidade de
Florencia, e á vez o maior mecenas das artes do seu século, fundou
a Academia neoplatónica de Florencia. Tal cousa estaba nunha
agradable vila rodeada da bucólica campiña da Toscana, onde Cosme
pretendía resucitar o espírito da antiga Academia de Atenas fundada
por Platón. Alí comisionou a Marsilio Ficino para que traducira as
obras de Platón, de Plotino e doutros sabios gregos que Cosme de
Medici atesouraba. O interese dos humanistas florentinos pola
filosofía grega e particularmente por Platón viña de anos atrás,
cando Florencia acollera o Concilio ecuménico destinado a unificar
as Igrexas grega e latina. A aquel concilio, acompañando ao papa e
ao propio emperador bizantino, viñeran un gran número de sabios e
eruditos como Gemistos Pleton ou Besarion, estudosos do platonismo
que traían consigo obras descoñecidas en Occidente. Moitas destas
eminencias buscaron refuxio en Florencia cando Constantinopla foi
conquistada definitivamente polos turcos en 1453, co que Florencia
veuse de súpeto depositaria dunha parte da tradición filosófica do
mundo antigo. Naquela cidade que estaba cativada pola Antigüidade
ata o punto de facer dela o faro dunha nova era, aquela herdanza
bizantina e particularmente a “novidade” das obras de Platón
foron todo un descubrimento.
Naquela
vila de Careggi Ficino dedicou a súa vida a traducir a Platón e os
neoplatónicos e a tentar casar a súa filosofía co cristianismo e
cunha nova interpretación do cosmos inspirada polos novos principios
humanistas. Á Academia acudirán filósofos, poetas, artistas e
eruditos a compartir os seus saberes e a disfrutar da vida
contemplativa, e cada ano celebraban o aniversario de Platón cunha
paparota onde se lía e se comentaba, moi a propósito, a súa obra “
O Banquete”. A influencia da Academia na arte moderna é
fundamental, e deixará unha fonda pegada na obra de artistas como
Alberti, Miguel Anxo, Rafael, Durero,Tiziano ou o pintor que nos
ocupa, Sandro Boticelli.
Boticelli
pintou “O Nacemento de Venus” cara o ano 1485, para adornar unha
casa de campo dun membro da familia Medicis. Daquela os nobres
florentinos, e particularmente os Medicis, rivalizaban en adornar os
seus pazos e vilas con frescos e pinturas, e a cidade fervía de
artistas dispostos a satisfacer os seus esixentes gustos. Na
decoración das casas de campo preferíanse temas bucólicos e
amables, e os temas mitolóxicos cadraban ben nesas preferencias,
pois denotaban ademais a presunta erudición e o liberalismo dos seus
propietarios. Os vellos deuses pagáns volven a protagonizar as obras
de arte despois dun milenio de absoluto dominio do cristianismo na
mentalidade e na estética de Europa.
A obra
representa o nacemento de Venus. Segundo a mitoloxía, Venus (ou
Afrodita) nacera despois de que Cronos, o pai dos Titáns, castrara
ao seu pai Urano cunha gadaña e guindara os seus pendericos ao mar.
Do seme de Urano, mesturado coa escuma do mar, xurdíu Afrodita, a
deusa do amor e da beleza, que saiu de entre as ondas navegando nunha
vieira ata chegar ás costas da illa de Cítera. Este é o momento
escollido por Boticelli, inspirándose nun
poema de Poliziano, un dos asiduos nos banquetes da academia de
Ficino, e que recreaba un himno de Homero a Afrodita.
Una
donzella non con uman volto
Da'
zefiri lascivi spinta a proda
Gir
sopra un nicchio; e par che 'l ciel ne goda.
Vera
la schiuma e vero il mar diresti,
E
vero il nicchio e ver soffiar di venti:
La
dea negli occhi folgorar vedresti,
E
'l ciel ridergli a torno e gli elementi:
L'Ore
premer l'arena in bianche vesti,
L'aura
incresparle e' crin distesi e lenti.
Unha
rapaza de rostro non humano,
empuxada
ata a costa polos céfiros amantes ,
navega
sobre unha cuncha, para goce do ceo.
Reais
se dirían o mar e a escuma,
real
a cuncha e o soprar do vento.
Nos
ollos da deusa vese o fulgor,
e
en derredor o ceo e os elementos alédanse.
As
Horas danzan na area vestidas de branco
e
a suave brisa enreda os seus cabelos soltos.
Seguindo
os versos de Poliziano, Boticelli fai aparecer no centro aVenus, ou
Afrodita, a deusa do amor e da beleza, espida sobre a cuncha de
vieira que ten como símbolo. Leva unha man aos peitos, mentres que
coa outra tenta protexer a súa nudez cos seus longos cabelos. O seu
corpo parece mecido polas ondas do mar e polo vento, representado
polas figuras, abrazadas coma dous amantes, de Zéfiro, o vento do
Oeste que anuncia a chegada da primavera, e Aura, a personificación
da brisa, que aparecen voando pola esquerda, empuxando cos seus
sopros a cuncha de Venus e provocando co seu paso unha chuvia de
rosas. Na praia, baixo a sombra das laranxeiras, agarda unha das
Horas, as deusas das estacións, neste caso a primavera, que se
prepara para cubrir a Venus cun manto de flores.
Ao
contrario que noutras obras renacentistas, aquí non hai
arquitecturas nin elementos que permitan xogar coa perspectiva, a
obsesión dos pintores do Quattrocento. A ilusión de profundidade
baséase nunha suave variación de tonos no ceo e no mar, máis
claros canto máis próximos ao horizonte, e na costa recortada que
se extende á dereita do cadro, pero o resultado é coma un pano de
teatro tras unhas personaxes colocadas no mesmo plano, como se
formasen parte dun friso esculpido sobre unha paisaxe a penas
suxerida, case neutra. A inspiración en modelos escultóricos é
evidente na propia figura da deusa, que reproduce o tema clásico da
Venus púdica, e o seu corpo sinuoso lembra as obras de Praxíteles e
a súa famosa curva. O corpo da deusa amosa unha cor pálida,
nacarada, como a das estatuas antigas, apenas modelado, como as
outras figuras, por unha luz suave que inunda todo o cadro e que se
manifesta no predominio dunha paleta de cores claras e luminosas
(celeste, rosa, verde, branco...) que fuxen da estridencia. Para
compensar esa falla de modelado, Boticelli acentúa o valor do propio
debuxo, con perfiles moi nítidos e recortados, recercando as figuras
e os detalles cunha estilizada liña negra. Esta característica é
propia do seu estilo, xa que na súa mocidade foi aprendiz de ourive
e destacou pola súa sensibilidade para os gravados decorativos.
Boticelli busca enriquecer a súa representación a través da
profusión de liñas curvas que rodean aos personaxes coma un
arabesco, e no debuxo minucioso do cabelo alborotado de Venus, ou das
flores que cubren o manto e o vestido da Primavera, ou nas pinceladas
douradas que salfiren a area da praia e as follas da laranxeira.
Todas
estas liñas sinuosas e ondulantes que denotan un movemento flameante
como de bandeira ao vento contrasta co ríxido esquema xeométrico no
que Boticelli ubica aos seus personaxes. As figuras adáptanse a un
triángulo imaxinario que ten á figura de Venus como eixo, e que
conforma unha composición que expresa estatismo e inmobilidade, coma
se a escena transcorrise á marxe das regras do tempo. Boticelli usa
a xeometría de xeito consciente para suxerir un ideal de perfección,
harmonía e beleza, algo que está en consonancia co significado
profundo do cadro. Así, por exemplo, o propio tamaño do cadro
responde as proporcións do rectángulo áureo, que era considerada
polos pitagóricos (e diso falábase moito na Academia de Florencia)
a expresión divina da harmonía, e esa mesma sección áurea serve
para calcular as proporcións do corpo da deusa, pois é unha
personificación da Beleza.
Porque,
como moitas obras do renacemento, o nacemento de Venus ten varios
planos de lectura: unha evidente e “vulgar”, que é o propio
relato mitolóxico, pero hai tamén unha lectura profunda, na que a
mitoloxía é un pretexto ou un camiño para representar unha idea
metafísica. O nacemento de Venus é unha ilustración do ideal de
beleza dos neoplatónicos de Vila Careggi. A simetría e o estatismo
da composición remarcan o carácter eterno, inmutable e acrónico da
Idea (no sentido platónico) que Venus representa. Venus é a
Afrodita Urania, nacida sen nai do propio ceo, a Venus Celeste que
Ficino relacionaba coa ánima do Universo. A súa actitude
melancólica, o estado dos que se atopan baixo a influenza de Saturno
(Urano para os gregos), non era para Ficino sinónimo de tristura,
senón que era un síntoma da inclinación da ánima cara a
contemplación da Beleza espiritual. E para Ficino a Beleza era un
aspecto inseparable do Ben. Por iso a chegada de Venus suscita unha
chuvia de rosas, e vén a recibila a Primavera cun abrigo de flores,
porque dela dependen todas as cousas fermosas e boas. E esa
inclinación á contemplación da Beleza divina, que é a expresión
do Ben, é o que Ficino chama Amor, o amor celeste. Porque para os
neoplatónicos o amor era a atracción que todos os elementos senten
entre si, a vontade que os seres teñen de ser nos outros e ser o
outro, a vocación do Universo por acadar a Unicidade.Venus é o
Amor, a forza que mantén o Cosmos unido e en harmonía. Eis o
sentido do cadro: todo o que no mundo hai de bo e de fermoso está
contido nel.
Por
todo isto, o Nacemento de Venus é unha obra paradigmática do
Renacemento. É producto da influencia do Humanismo nas artes e da
asimilación da herdanza grecolatina, e reflicte o gusto dunha
burguesía poderosa e diletante que desenvolve unha afección polos
temas profanos. Boticelli integrará esa herdanza clásica que está
no espírito de todo o Renacemento conxugando unha linguaxe formal
que se inspira en modelos grecorromanos, cun fondo sentido filosófico
e relixioso imbuído das ensinanzas do Neoplatonismo. E con isto o
pintor alónxase da súa consideración de artesán, de traballador
manual, para converterse en intelectual que se relaciona coas altas
esferas do poder e da cultura. O Nacemento de Venus ofrécesenos como
unha chave para entender a evolución da sociedade, do pensamento e
da cultura da Florencia e da Italia do século XV, pero tamén para
interrogarnos sobre o sentido da arte e a procura da Beleza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario