No ano 70, un xeneral romano chamado
Tito Flavio Sabino Vespasiano (Tito, para abreviar) conseguía
conquistar Xerusalén e dar un xiro definitivo á Primeira Guerra
Xudea a favor dos romanos. Os xudeos , que vivían baixo o
protectorado do Imperio romano, rebeláranse
catro anos antes negándose a rendir culto ao emperador e
enfrontándose violentamente ás súas tropas, molestos porque os gregos celebraban
sacrificios aos seus deuses a carón das súas sinagogas. Tito asediou
Xerusalén, tomouna ao asalto e arrasou o seu templo, levando consigo
o seu tesouro a Roma. Do Templo de Xerusalén (o segundo templo, porque o
primeiro, o de Salomón, fora destruído polos Asirios) só restou
un muro, que hoxe os xudeos usan para laiarse. As consecuencias
deste feito foron inmensas, e duran aínda ata hoxe. Por unha banda,
os cristianos mirarán sempre nesta destrucción a realización das
profecías de Xesús: “chegarán días en que (do templo) non
quedará unha pedra sobre outra”, co que miraron reforzada a súa fe, esquecendo que no Muro das Lamentacións aínda hai, estrictamente,
unha chea de pedras unhas sobre outras. Por outra parte, moitos
xudeos abandonaron Palestina, comezando a segunda Diáspora.
Espalláronse polo mundo coñecido e non regresarán ata que os
sionistas inventen o Estado de Israel expulsando á súa vez aos
palestinos da súa casa, dezanove séculos despois. Onde hai fume,
houbo lume.
Como premio por este suceso, o Senado
de Roma concedeu a Tito os honores máximos que se podían dar a
un xeneral victorioso: o Triunfo. Isto consistía nun desfile militar
que recorría as rúas de Roma cruzando a Vía Sacra, aos pés do
outeiro do Palatino, ata o Foro. Non era pouca cousa, porque os exércitos romanos tiñan prohibido entrar na cidade armados. Os soldados portaban os trofeos
conquistados, o botín e os escravos, e despois dos sacrificios
preceptivos aos deuses, o pobo celebraba aos seus heroes cunha gran
festa. O xeneral viaxaba nun carro tirado por catro cabalos, e para
que non se subira demasiado á póla e pensara que se convertira en
deus ou algo semellante, o escravo que sostiña por riba da súa
cabeza a coroa de loureiro dos vencedores debía cochicharlle na
orella “memento mori, memento mori...” (lembra que vas morrer),
non fora a ser que se lle atragantase a empanada. Nestes triunfos
era costume antigo a construcción de arcos baixo os cales pasaba o
exército orgulloso. Ao principio eran de madeira, adornados con
coroas de loureiro, grilandas de flores ou panoplias dos inimigos vencidos. Máis tarde, estes arcos levantáronse de pedra e volvéronse permanentes, xa non para conmemorar unha parada militar,
senón para honrar a gloria dun emperador. Convertíronse así no
monumento conmemorativo por antonomasia no Imperio Romano.
Tito chegou a ser emperador despois da
morte do seu pai, tamén chamado Tito Flavio Vespasiano, ou Vespasiano sen máis para non confundir un con outro. Só gobernou
dous aniños, do 79 ao 81, pero nese tempo gañouse o favor do pobo,
consagrandolle o recén rematado Anfiteatro Flavio (o Coliseo). Por iso cando morreu o Senado concedeulle un novo honor: proclamou a súa
divinidade, e ordenou construír un arco lembrando aquel triunfo
sonado dez anos atrás.
O Arco de Tito é un dos cinco arcos
que restan dos máis de trinta que adornaban as rúas de Roma. A
pesares da súa monumentalidade (mide 13’5 metros de largura e dous
metros máis de alto), o seu deseño é moi sinxelo, pois só ten un
van, cuberto cunha bóveda de canón que se apoia a un lado e a outro
en dous grandes piares que arrancan dun podio liso. Os piares están
decorados por cadansúas parellas de columnas de orde composta, que
enmarcan unha fiestra cega rectangular. Sobre as columnas, todo ao
longo do monumento, un entaboamento clásico, simulando a fachada dun
edificio. Enriba da cornixa do entaboamento, érguese o corpo
superior, o ático, liso, onde campa, nunha gran cartela coa dedicatoria que o Senado e o pobo de Roma fan ao emperador
divinizado. O monumento, arquitectonicamente, representa con
sinxeleza o xeito de combinar o arco de medio punto romano cos rectos
entaboamentos arquitrabados das ordes gregas, adoptando a solución de acoller o
primeiro debaixo do segundo, tal e como había poco se fixera na
fachada desa gran obra dos emperadores Flavios que foi o Coliseo.
(Tito montando no seu carro triunfal)
(As lexións victoriosas desfilando co botín)
A sobriedade do conxunto é mitigada
pola decoración escultórica. Nas enxutas do arco, como soe ser
frecuente, dúas victorias aladas parecen voar cara a clave do arco,
decorada cunha inmensa ménsula. O friso representa a entrada
triunfal das lexións romanas en Xerusalem. Pero baixo o arco, a un
lado e a outro, destacan dous grandes relevos que representan o
propio triunfo celebrado en Roma. Nun deles, Tito monta na cuádriga triunfal,
coroado por unha victoria, acompañado pola alegoría do pobo de Roma
(unha figura espida) e do Senado (vestido con toga), mentres a deusa
Roma, diante, guía aos cabalos. O cadro situado no outro lado é moito menos alegórico e si moito máis veraz.
Aquí as protagonistas son as tropas, os anónimos lexionarios coroados de loureiro comezando o desfile
nun arco triunfal, e portando o botín do saco do templo de Xerusalén: as trompas
de prata, a mesa de ouro e os vasos onde se presentaban as ofrendas,
e a Menorah, o gran candeeiro de sete brazos de ouro batido, entre
outros tesouros. O intradós da bóveda, decorada con casetóns, está
coroada coa figura dunha aguia levando ao propio Tito ao ceo en apoteose.
A alegoría e o simbolismo conviven cos
detalles anecdóticos verídicos e unha paisaxe recoñecible, enchendo todo o
espazo dispoñible, o que outorga a estes relevos o carácter dunha
reportaxe gráfica. É precisamente a proximidade do relevo histórico
romano aos feitos reais que representa o que lle confire o seu
extraordinario valor de documento histórico. O estilo dos relevos
permite ademais observar a evolución desta arte dende a época de Augusto a penas medio século antes, na busca dunha
maior plasticidade, dun maior contraste entre luces e sombras, e de
máis riqueza de planos na representación, tentando crear unha
ilusión de perspectiva que fai avanzar ás figuras centrais cara ao
espectador, mentres que as do extremo parecen alonxarse no fondo,
cara o arco triunfal representado nun audaz escorzo. A serenidade
severa dos relevos da época de Augusto transfórmase no desfile das tropas de Tito nunha
escenografía máis dinámica e teatral, menos aristocrática e máis
popular. Porque era precisamente para o pobo que estes monumentos
estaban dirixidos, para lembrarlle o poder de Roma e do seu
emperador, e crear nel a ilusión de compartir algo da súa gloria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario